BLOG DE 1º E 2º CURSOS DO CEIP PLURILINGÜE A PEDRA DE BUEU

BLOG DO 1º E 2º CURSOS DO CEIP PLURILINGÜE A PEDRA DE BUEU

viernes, 19 de diciembre de 2014

OBRADOIROS DE NADAL

O 19 de decembro foi o último día lectivo antes das vacacións de Nadal e como vén sendo habitual celebramos uns OBRADOIROS DE NADAL. Este ano estiveron adicados á ARTE, concretamente de Kandinsky. Ao longo da mañá estivemos preparando un cadro enorme chamado "Estudo cadrados de cor", unhas letras coa técnica de collage para formar a palabra VALORARTE, outras letras decoradas ao estilo deste pintor con figuras xeométricas e abstractas para escribir o nome do artista: KANDINSKY. Todo este traballo colgámolo na parede que hai nas escaleiras que suben ás nosas aulas. Ademais, grazas á colaboración de 8 nais do ciclo fixemos unha PAISAXE INVERNAL de plastilina que decora a nosa entrada ao colexio. ENLACE
Despois de tanto traballo tiñamos moita fame polo que fomos almorzar ao comedor do cole unha cunca de chocolate quente e un anaco de rosca que estaba boísima. 
Para rematar unha mañá xenial, viñeron os Reis Magos cargados de lambetadas! Para agradecerlles a súa visita, cantámoslles dúas panxoliñas: "Aló entre as pallas" e "Arre, borriquito". 
Foi unha mañá estupenda!






jueves, 18 de diciembre de 2014

INVESTIGAMOS DOUS PINTORES DO MORRAZO

Como parte do proxecto da biblioteca LER ARTE, durante os meses de novembro e decembro estivemos investigando a vida e obra de dous pintores relacionados con Bueu. O alumnado de 1ºA traballou a URBANO LUGRÍS e o de 1ºB a JOSÉ MARÍA BARREIRO. O resultado destas pesquisas quedou recompilado nunhas fichas e nas seguintes presentacións. Posteriormente expuxemos oralmente a nosa investigación aos compañeiros da outra clase para que coñeceran ao noso pintor. Premede nos vídeos para ver que ben o fixemos!




viernes, 5 de diciembre de 2014

HORA DE LER ESPECIAL

Esta semana tivemos unha hora de ler especial. Aproveitando que estamos aprendendo moitas cousas sobre a ALIMENTACIÓN, viñeron visitarnos os nenos e nenas de 3ºA e a súa profe AMI ás aulas de 1º curso para amosarnos os seus traballos sobre ese tema e contarnos en que consiste un menú completo e saudable. Moitas grazas, aprendemos moito!






martes, 25 de noviembre de 2014

O SEGREDO DE UXÍA

Hoxe fomos ao instituto Johan Carballeira para ver a obra de teatro O SEGREDO DE UXÍA da man da compañía XORÉ. O Concello de Bueu invitounos a esta representación co gallo do DÍA DA NON VIOLENCIA DE XÉNERO.



viernes, 21 de noviembre de 2014

NOVEMBRO: MES DA CIENCIA EN GALEGO

Esta semana na sesión de Biblioteca, as profes explicáronnos que estamos no MES DA CIENCIA E GALEGO, polo que hai un recuncho no Bibliocastelo con contos relacionados co tema. Nun deles "PREGUNTAS QUE POÑEN OS PELOS DE PUNTA 1" da editorial CUMIO, atopamos un sinxelo experimento que quixemos facer. As profes dixéronnos que os científicos fanse preguntas, e para poder resolvelas, investigan. Nós quixemos convertirnos en científicos e preguntámonos: QUE COUSAS NON PODE MOLLAR A AUGA? Como non sabiamos a resposta, despois de pensalo moito fixemos un experimento que consistiu en comparar unha vela sumerxida en auga con outra sumerxida en aceite. Ao sacalas todos observamos como a vela rexeita a auga e pola contra atrae ao aceite.
Foi moi divertido!






Se queredes ver o experimento, premede no vídeo:




lunes, 10 de noviembre de 2014

MAGOSTO

Hoxe, véspera de San Martiño, celebramos o MAGOSTO na escola. En principio tiñamos programadas uns xogos tradicionais con castañas, mais a chuvia impediunos xogar. O que non nos impediu foi tomar as castañas, que estaban riquísimas, na entrada do cole onde quedou un arrecendo... Mmmmm!
Despois de comelas cantamos xuntos a cantiga ARAO, ARAO
Premede no vídeo para ver as imaxes do Magosto e cantade con nós!

martes, 4 de noviembre de 2014

PRIMEIRA SAÍDA

Hoxe fomos ao Teatro Principal de Pontevedra para ver O GATO CON BOTAS. O espectáculo consistiu nunha actuación conxunta entre a Orquestra Filharmónica de Pontevedra, Marc Taëger e Olalla González
A Orquestra dirixida polo compositor portugués Vasco Negreiros puxo a música, Marc Taëger ilustrou o conto cuns debuxos de sombras magníficos e Olalla González foi a contacontos.
Ao xuntar todo quedou un resultado fantástico que nos deixou sen fala durante toda a actuación.
Pagou a pena mollarse un pouquiño polo camiño!







jueves, 30 de octubre de 2014

SAMAÍN

Durante esta semana celebramos o Samaín no cole. Ao longo da semana participamos na exposición de cabazas decoradas con arte onde realmente había verdadeiras obras de arte!
Ademais decoramos un mural precioso coa lúa chea de fondo e morcegos que levaban colgados uns versos de medo que inventou cada clase.
O xoves, para finalizar a semana algúns de nós viñemos disfrazados de bruxas, vampiros,  monstros... que medo!








viernes, 24 de octubre de 2014

ANIVERSARIO DE PAPIRUS CON ARTE

Hoxe é o DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES, polo que celebramos o ANIVERSARIO DE PAPIRUS no BIBLIOCASTELO. Ao chegar alí recibiunos a profe Lina e explicounos que Papirus está de viaxe polo mundo visitando museos, galerías e obras de arte. De feito, enviounos unha mensaxe que nos deixou coa boca aberta! 
Despois Lina contounos a historia de AQUILES O PUNTIÑO, de Marc Taëger. Estivo xenial porque ademais de contala foi creando o personaxe nun caballete, todo moi artístico! 
Ao final, entregáronnos uns agasallos que enviou Papirus para nós: un adhesivo e unha carpeta para que gardemos os nosos traballos feitos con arte. GRAZAS LINA E PAPIRUS!

lunes, 20 de octubre de 2014

PAPIRUS EN CONCERTO

O pasado sábado, a banda FUNGADEIRA tocou no Teatro Principal de Pontevedra. Alí puidéronse escoitar cancións do libro-disco TAMBO de edicións Cumio, entre elas a que está adicada á nosa mascota PAPIRUS.
Se queredes escoitar un anaco, premede no vídeo.

jueves, 16 de octubre de 2014

DEBUXA O TEU ALMORZO

Ese é o título do concurso que organizou a Consellería de Sanidade para mellorar os nosos hábitos alimenticios e no que participamos cuns debuxos preciosos.
Neles cada un debuxou o seu almorzo: zumes de laranxa, froitas variadas, cuncas de leite, cacao, galletas... e ata unha rosca!
Mirade que bonitos quedaron:





viernes, 3 de octubre de 2014

OS CAZACONFLITOS

Hoxe, na HORA DE LER, tivemos unha visita importante. Veu un grupo de nenos e nenas de 6º curso e contáronnos que eles son OS CAZACONFLITOS, un grupo de mediadores que quere axudarnos a resolver os problemas que teñamos con outros compañeiros. Explicáronnos que eles, durante o recreo, están na AULA DE MEDIACIÓN (no corredor do Bibliocastelo) e que se temos un problema con alguén temos que cubrir unha ficha e eles axúdannos a resolver o conflito. 
Despois fixéronnos unhas preguntas e aos que acertaron, déronlle unha chapa. 
Grazas pola vosa axuda e dedicación, CAZACONFLITOS!







martes, 30 de septiembre de 2014

SETEMBRO

Xa acabou o mes de setembro, o noso primeiro mes de setembro en Primaria. Durante este mes fixemos moitas cousas: demos a benvida aos compañeiros de 1º, coñecemos a nenos e nenas novos no colexio, tamén a profes novos para nós...
O primeiro que fixo o alumnado de 1º foi facer un autorretrato deles para que os coñezamos e, dende entón, están traballando moitísimo para aprender a ler, escribir, contar...
De cando en vez recibimos algunha visita sorpresa como o concerto que nos deu a Banda de Música de Bueu ou a exhibición de baloncesto a cargo de tres xogadores do equipo Peixe-Galego de Marín. Se queredes ver imaxes de todo isto, mirade a presentación!



SETEMBRO 2014 by Slidely Photo Gallery

sábado, 6 de septiembre de 2014

EMPEZANDO CON BO PÉ...

Os criterios que se van ter en conta na AVALIACIÓN INICIAL do 1º curso son:
  • Escoita e atende ordes colectivas.
  • Expresa emocións e desexos.
  • Comunícase de forma axeitada cos seus compañeiros e adultos.
  • Constrúe de forma oral oracións sinxelas e gramaticalmente correctas.
  • Pronuncia correctamente todos os fonemas e sinfóns.
  • Escoita con atención pequenas explicacións, relatos, contos...
  • Responde a sinxelas preguntas relacionadas con contos lidos.
  • Recorta debuxos grandes seguindo unha liña.
  • Colorea respectando os bordes con soltura e gusto.
  • Debuxa de forma completa o esquema corporal.
  • Identifica e escribe o seu nome.
  • Identifica o nome dos seus compañeiros.
  • Coñece e le os fonemas vocálicos.
  • Identifica e relaciona co seu son algún fonema consonántico.
  • Le palabras cos fonemas coñecidos.
  • Escribe palabras sinxelas cos fonemas coñecidos.
  • Identifica conceptos como arriba - abaixo, dentro - fóra, diante - detrás, preto - lonxe, grande - pequeno…
  • Conta progresivamente do 0-9.
  • Identifica e escribe os números do 0-9.
  • Relaciona nº con cantidade do 0-9.
  • Identifica o concepto de máis e menos.
  • Atende e obedece as normas establecidas.
  • Remata os seus traballos de forma autónoma.
  • Identifica, recolle e coida o material persoal.
  • Participa no xogo respectando as normas e aos seus compañeiros.
  • Manifesta interese e gusto polas diferentes actividades escolares.

viernes, 20 de junio de 2014

O LADRÓN DE PALABRAS

Por fin, o último día do cole representamos a adaptación da obra de teatro de Antonio de la Fuente Arjona: "O LADRÓN DE PALABRAS". Foi o froito de moitos meses de traballo do alumnado de Atención Educativa de 2º curso, que estiveron fantásticos. O noso público (alumnado de 1º, 2º e 3º) gozou moito coa representación. Se queredes ver a obra dende as vosas casas, premede no vídeo e...
ARRIBA O PANO!

QUE SABES DE XOSÉ MARÍA DÍAZ CASTRO?

Xa para rematar o curso, despois de pasar unha mañá estupenda chea de sorpresas, merendolas e agasallos, entregáronnos os premios do CONCURSO DAS LETRAS GALEGAS organizado polo Equipo de Dinamización Lingüística. 
Esta vez os afortunados no noso ciclo foron:
JIMENA ALDAO (1ºA)

JONATHAN PORTELA (1ºB)

IRENE MÉNDEZ (1ºA)

JENNIFER CEZA (1ºB)

CLAUDIA RIOBÓ (2ºB)

MARÍA GARCÍA (2ºA)

Noraboa a todos os premiados e... PRÉNDETE AO GALEGO!

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...